Tuesday 17 de September de 2024

Alfaroleiros entra na fin de semana co humor musical de Monoulious DOP


Ademais de continuar a exposición e venda da pezas dos alfareiros no Parque Luis Seoane, as tapas preparadas polas persoas maiores e a música desternillante de Monoulious DOP encherán o sábado de vida o centro de Santa Cruz, onde tamén se poderá gozar do Obradoiro participativo “A olería nas túas mans”, ás 18:30 h. O concerto terá lugar ás 10 da noite, e a sesión de cociña en vivo das persoas maiores a partir das 20 horas.

A feira iniciouse o mércores coa participación de 26 artistas chegados de distintos obradoiros de olería da península. Castela León, A Mancha, Andalucía, Galicia, Estremadura, Valencia, Madrid, Portugal,… Todos eles e elas venden os seus produtos ata o domingo sobre a herba do parque Luis Seoane.

Durante a feira pode visitarse tamén a exposición conmemorativa dos 30 anos que leva celebrándose, que consta de 47 paneis divulgativos distribuídos entre a Praza de Esther Pita, o camiño ao Repicho, a praza do Castelo e outros puntos do paseo marítimo.

Para a xornada do domingo haberá pasarrúas do grupo de gaitas Santaia e xogos tradicionais para nenos e nenas no parque Luis Seoane. Tamén unha demostración de olería a partir das 13:00 horas.